cerrazón

Presenza intensa dun fenómeno meteorolóxico (como nubes negras, néboa, choiva, neve ou sarabia) que dificulta fortemente a visibilidade

Etimoloxía

Voz derivada que toma como base o verbo “cerrar” que procede do latín vulgar *serrare, que é unha variante do latín tardío serāre, que se crea sobre o termo sera 'pecho'.

Exemplos *

“Ás veces, ao deixar o abrigo do Monte Louro, o vento fresco que traía os chuvascos e a cerrazón viña de súpeto e había que arriar nun vira-vira a driza do pico da cangrexa, para que marchara o vento e non dar volta de quilla.” (Dionisio Pereira: Foulas e ronseis (Retrincos  para un tratado do mar dos galegos), 2005)

“A cerrazón alancaba, empurrada polo vento do suroeste. No chan do adro había un cruceiro con mesa. Cando deron en descargar as primeiras gotas de chuvia acubilleime dentro do recinto sagrado.” (Xelucho Abella Chouciño: A ermida do diaño, 1998)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.