Parte mellor do liño que, despois de restrelado e posto en monllos, serve para fiar.
Etimoloxía
Vén do latín cirrus, -i ‘caracol de pelo’, aplicado inicialmente á crina do cabalo.
Exemplos *
“Alumea, pai, cada grao, seu toledán. Alumea, fillo, cada espiga, seu pan trigo. Alumea o liño, cada freba, seu cerriño.” (Vitor Vaqueiro: Guía da Galiza máxica, mítica e lendaria)
“Pásase o liño polos dentes e a estopa (as borras do liño, que son a parte exterior da planta) vai quedando nos cravos, e o liño bo ou cerro na man e que é a parte inferior da planta.” (Ana Belén López Pérez: O liño e as foliadas no concello de Vilalba)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.