cervexa

Bebida alcohólica que se obtén por fermentación da semente do orxo, de sabor un tanto amargo, cor xeralmente dourada e que fai escuma branca

Etimoloxía

Desde o latín cervesia ou cerevisia ‘cervexa’ palabra que xa empregou Plinio pero que pode ser que sexa de orixe celta.

Exemplos *

“-E dentro de corenta pretendo estar a tomar unha cervexa xeada -apuntou a continuación. Ou mellor, un bocoi enteiro, e cun paquete de puros canarios no peto -engadiu con ar pícaro logo de o pensar durante un segundo.” (Manel Loureiro: Apocalipse Z. Os días escuros, 2014)

“Cociñara e limpara o estudio, preocupárase porque houbese cervexas frescas na neveira, mesmo fixera renacer unha agonizante planta na que Bet tiña a cruel manía de baleirar os restos dos gin tonics que lle gustaba beber á tardiña.” (Anxo Sumai: A lúa da colleita, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.