cervo, -a

Mamífero ruminante da orde dos artiodáctilos, de pelo áspero, patas longas e rabo curto, do que o macho ten dous cornos gallados, que caen e se renovan cada ano

Etimoloxía

Palabra que procede do latín cervus que designaba aos ‘cervos’ ou ‘veados’.

Exemplos *

“—Dime a onde vas, miña cerva ferida, / dime a onde vas, polo meu amor! / —Vou para o verso dunha cantiga, / meu cazador!” (Álvaro Cunqueiro: Herba de aquí e acolá, 1980)

“Un territorio en que os camiños pertencían ao home e os carreiros había que compartilos coas alimarias e cos demais animais que vivían ceibos no bosque; a neve delatara a presenza de lobos, raposos e moitos xabarís, e mais tamén de cervos, rebezos e corzos; os osos quixeron achegarse igualmente ata as portas do cenobio.” (Pemon Bouzas: A voz do vento, 2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.