champiñón

Cogomelo abrancazado da familia das agaricáceas do que existen diversas especies xeralmente comestibles.

Etimoloxía

Chegounos do francés champignon, procedente do latín vulgar campiniolus, derivado de campania ‘do campo’.

Exemplos *

“… unha inapetencia que se manifestou por vez primeira diante duns medallóns de salmón empanados con champiñóns e salsa bechamel, a renuncia aos cales o deixou triste para varios días.” (Carlos Casares: Ilustrísima)

“Un quilo de longueiróns, dúas bandexas de champiñóns, unha cebola, dous dentes de allo, un vaso de aceite, un vaso de viño branco, unha culleradiña de pemento picante, unha rama de perexil e auga.” (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.