chapela

Boina grande

Etimoloxía

Palabra que adaptamos do termo éuscaro txapela, e este do francés antigo chapel.

Exemplos *

“É maior, máis preto dos sesenta anos ca dos cincuenta, pelo longo e barba cumprida, canoso, a testa despexada pola alopecia cuberta cunha chapela de amplo voo, o rostro de fondas enrugas curtido polo sol dos camiños, anteollos grosos de miope, gastada camisa e raídas bermudas.” (Ramón Caride: O sangue nos camiños, 2003)

“A «chapela» de grande roda nos mariñeiros vascos, a pucha pequeneira nos galegos, eran o signo diferenciador das dúas poboacións, unanimemente vestidas de maón , mentres a non formulada simpatía trazaba unha rede invisíbel entre uns e mais os outros.” (Xosé Luís Méndez Ferrín: Antón e os inocentes, 1976)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.