chapeu

Peza de vestir para cubrir a cabeza, que consta de copa e abas no caso dos homes e pode ter formas moi diversas no caso das mulleres.

Etimoloxía

Tomámolo da forma do francés antigo chapel, procedente do latín cappellus, diminutivo de cappa, -ae, nome da peza do vestiario que cubría a cabeza.

Exemplos *

"Á xente pareceulle que se convertera nun home estrafalario, con aquel chapeu e lentes de aviador, e aquel abrigo tan longo." (Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas)

"Non había dúbida, era o home que agardaba, cun chapeu de abas amplas cunha fita vermella rodeándoo, tal e como llo describiran antes de saír …" (Manuel Portas: Denso recendo a salgado)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.