Planta herbácea da familia das compostas que pode chegar a un metro de altura, moi ramificada, de follas basais dentadas e flores en capítulos numerosos, xeralmente azuis, que só abren cando vai sol / Raíz torrada desta planta
Etimoloxía
Denominación que se toma da latina cichorĭum, e que nos leva ao grego kichóreia.
Exemplos *
“Aquel mexunxe era cousa nova para o meu padal, unha mestura de café, chocolate e chicoria, que sabe a raios; tomeino con azucre e cando menos queceume o corpo.” (Hixinio Puentes: Aguillóns de Ortegal, 2005)
“Comprábao a granel e moíao cun muíño manual. Facíao sempre no mesmo pucheiro e algúns quentábano introducíndolle un tizón ó roxo. Despois viñeron as cafeteiras modernas, pero isto xa é algo recente. O cafeteiro tradicional engadíalle chicoria ó café, que era un produto máis barato.” (Xosé Antonio Fidalgo Santamariña: Os saberes tradicionais dos galegos, 2001)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


