

(Sturnus unicolor) Paxaro da familia dos estúrnidos, de cor negra e peteiro aguzado en tons amarelos, moi común en Galicia, que adoita vivir en bandadas moi ruidosas.
Etimoloxía
Esta voz é o resultado de combinar chirlo, derivado de chirlar, probablemente tomado do latín fistulare ‘tocar a frauta’ e merlo, do latín merulus, forma popular que se orixinou a partir do clásico merula.
Exemplos *
“Miraba insistente cara aos lados, por se aparecía o bañista co traxe de franxas negras e marelas, co seu zumbar de avespa. Non viu ninguén. Escoitaba o chirlomirlo do mar …” (Manuel Rivas: Os libros arden mal)
“Chirlomirlo, vaite deitar detrás das portas do Vilar que alá enriba te irán buscar.” (VV.AA.: A carón do lume)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.