Xigante da mitoloxía grega que tiña un único ollo no medio da fronte
Etimoloxía
Palabra tomada do latín cyclops, -ōpis, pero que nos leva, en última instancia, ao grego kýklōps, ‘ollo circular’, nome dun personaxe mitolóxico que posuía un só ollo.
Exemplos *
“Atenta ao son do mar, non máis ca un murmurio rouco, incesante e apagado, distante e próximo a un tempo. A respiración fonda dun ciclope durmido nun leito de argazos e area.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)
“Pouco a pouco, as costas de Paco empezaron a medrar e parecéronme como as dun cangrexo xigante de Nicaragua. Como as dun ciclope que medraba mentres eu ía minguando ata converterme nunha anana de xardín.” (Santiago Cortegoso: A filla de Woody Allen, 2016)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.