cinamomo

Árbore da familia das meliáceas, de follas grandes lanceoladas, flores abrancazadas reunidas en panículas, madeira dura e aromática e froito velenoso semellante a unha cereixa cuxo aceite se usa na medicina e na industria

Etimoloxía

O termo procede do latín cinnamōmum, e este bebe do grego kinnámōmon. O nome científico é Melia azedarach.

Exemplos *

“O cinamomo, chamado árbore de santo Eutelo ou árbore da raiba, constitúe unha eficaz arma contra esta doenza, subministrándoa en forma de infusión da súa cortiza, flores ou follas. A mesma función curativa poden desempeñar o codeso ou a xesta.” (Vítor Vaqueiro: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, 2011)

“De Sevilla trouxen para Galicia a nostalxia do seu aire, a súa luminosidade, o seu arrecendo. Daba gloria ir polas rúas sevillanas cheirando aquel arume a xasmín, a rosa, a cinamomo, ás flores máis diversas.” (Xavier Costa Clavell: O conde de Viloide, 1985)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.