Árbore da familia das cupresáceas, de tronco medianamente groso e moi alto, con pólas erguidas e pegadas a el, copa en forma de cono e follas pequenas, mestas e de cor verde escura
Etimoloxía
Este vocábulo quizais proceda do occitano cipres, e este remite ao latín tardío cypressus. O nome científico é cupressus sempervirens.
Exemplos *
“O gran consenso social da aldea está representado pola aceptación "natural" que os labregos fan do poder representado pola espadana da igrexa e polo ciprés do pazo.” (Ramón Villares: Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, 2018)
“Consegue distinguir os contornos dalgúns cipreses nos xardíns e nas eiras das casas a pé da estrada, poucos; o que máis abundan son as vulgares tullas e as árbores froiteiras. Conta tres cipreses en Loimil, dous entre a curva de Balboa e a ponte sobre o Ulla, cinco máis no traxecto que chega ata Lestedo.” (Ana Cabaleiro: As Ramonas, 2018)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


