círculo

Conxunto de persoas vinculadas por relacións de parentesco, amizade, actividade profesional ou outro tipo de lazo de unión

Etimoloxía

Palabra que vén directamente do latín circulus ‘roda’, ‘anel’ e mesmo ‘reunión’.

Exemplos *

“Ela non era moi amiga de recibir estas visitas sorpresa, sobre todo cando se encontraba co seu novo círculo de amizades, entre as cales se estaba a definir de novos xeitos, lonxe da compaña e da sombra de N, coa cal se fora construíndo nos últimos anos, ás veces mesmo como un apéndice.” (Paco Yañez: ...distancias..., 2008)

“Aínda que o cambio de ambiente fora testemuñal, a idade e o contacto con xente nova propiciaba novos coñecementos e a consciencia de novas actitudes cara á vida. Foi entón cando coñecín a Xulio, un rapaz un ano maior ca min, e ao seu círculo de amigos.” (Mario Regueira: L’affiche rouge, 2007)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.