clarón

Luz ou claridade intensa, xeralmente de curta duración

Etimoloxía

Voz derivada que se forma grazas ao sufixo aumentativo "-on" que se aplica ao adxectivo “claro” que procede do latino clarus que significaba ‘claro’, ‘brillante á vista’, ‘limpo’ ou ‘evidente’.

Exemplos *

“Don Tarrío calou de repente, e foise erguendo. Con forza que non respectaba o algodón das nubes, ceo adiante viña un clarón asustador.” (Xavier Alcalá: Latitude austral, 1991)

“Nesta hora da mañá, xusto no instante antes de saír o sol, a conxugación de colores que van desde o verdemouro daquelas encostiñas deica o azul índigo esvaído do fondo do ceo, pasando polos claróns da liña do horizonte, é a máis perfecta sinfonía visual que na miña vida puiden gozar...” (Xosé Manuel Martínez Oca: Beiramar, 1983)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.