Atracción de feira que consta dunha plataforma sobre a que circulan e chocan coches pequenos provistos de bandas protectoras
Etimoloxía
Frase formada polo substantivo “coche” procedente do húngaro kocsi 'carruaxe' modificada pola “de choque” que deriva do verbo “chocar”, palabra onomatopeica.
Exemplos *
“O Campo da Feira, unha marabilla incomprensiblemente desaparecida, onde (...) se instalaban os moitos circos que daquela pasaban por Lugo. Os nenos escapabamos das clases para ir ver os animais. A pista de coches de choque de Camarero quedaba case un mes despois das festas, e estaba a carón dos colexios!” (Xosé Miranda: A Nosa Terra, 8-2-2007)
“Pasou xa polos dous carruseis, que coa súa megafonía expendían notas de caixa de música, e xusto cando chega diante da plataforma dos coches de choque asegúrase de que os seus camaradas poden actuar segundo o plan trazado.” (Luís Rei Núñez: Expediente Artieda, 2000)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.