colibrí

Paxaro da familia dos troquílidos, que vive no continente americano, de tamaño moi pequeno e plumaxe de cores vivas e rechamantes, peteiro longo de lingua zugona da que se vale para alimentarse do néctar das flores e do que existen numerosas especies

Etimoloxía

De orixe incerta, chega desde o francés colibri, pero crese que podería proceder das Antillas francesas.

Exemplos *

“No poio da fiestra pousa un paxaro, quizais un colibrí, que marcha axiña, seguramente espantado polo cheiro a morto e á morte.” (Aníbal C. Malvar: Unha noite con Carla, 1995)

“Agás os anxos, os colibrís son os únicos seres da criación que voan en todas direccións.” (Xosé Luís Martínez Pereiro: Carne de estatua, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.