Aquilo que se engade como complemento ao final de algo / Inscrición situada ao final dalgúns libros, onde se indica a data e lugar de impresión e outros datos sobre a obra
Etimoloxía
Voz que procede do latín tardío colŏphon, -ōnis 'cume', 'remate', e este lévanos ao grego kolophṓn ‘toque final’.
Exemplos *
“De áxil lectura, e de grande riqueza léxica, Aqueles anos do Moncho recolle elementos presentes en toda a narrativa do seu autor e vén sendo o colofón necesario para pechar o "Ciclo do neno", de Neira Vilas, ou o ciclo do neno que Neira Vilas foi.” (Silvia Penas: Tempos Novos, nº 35, 1-2016)
“Un estado de abraio, de meditabundo silencio. E iso que era un colofón, Samos ben o sabía, que se prestaba á risada espontánea. Mais os oíntes dubidaban entre rir, porque o cadro era realmente cómico, ou manter unha cautelosa espera, porque os protagonistas non eran realmente graciosos.” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


