cólquico

Planta herbácea perenne da familia das liliáceas, con follas lanceoladas, flores de cor rosa, xeralmente en outono, e froito en cápsula, ovoide, con numerosas sementes

Etimoloxía

Termo que bebe do latín científico Colchicum (1735), que remite ao latín colchìcum que, á súa vez, nos leva ao grego kolkhikón 'a designación dunha planta velenosa'. O nome científico é Colchicum autumnale.

Exemplos *

“Son os meus xenes, os meus xenes os que andan desequilibrados, por iso sufro depresións e inmensas alegrías, por iso teño ganas (...) de correr nunha campía inacabable de margaridas e roseiras e sabina e tomentelo e borraxe brava e estrugas e píceas e carballos e xestas e toxos e cólquicos e figueiras e estramonio.” (Xosé Carlos Caneiro: Un xogo de apócrifos, 1998)

“Tedes croques, ou ben cicuta ou cólquicos de outono, para pararme o corazón e o sangue? Eu ando triste, vós, de máis burleiras, e non estou de humor para siloxismos.” (Millán Picouto: A fada e o cabaleiro, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.