Peixe mariño da orde dos angüiliformes, de corpo alongado e cilíndrico, boca grande coa maxila superior saínte, pel viscosa sen escamas e cor cincenta ou negra no dorso e abrancazada no ventre
Etimoloxía
A designación deste peixe procede da latina conger, -gri, e esta do grego, Góngros, nome do peixe. Tamén é recoñecido co nome científico conger conger.
Exemplos *
“Existen máis evidencias de prácticas de pesca a grande escala en Galicia durante a Idade Media, cando o enfoque cambiou a especies como a pescada e o congro.” (Alberto Quian: Galicia Confidencial, 13-5-2019)
“O congro habita nas covas e o lumbrigante procúralle o alimento. O congro medra e medra, até que chega un momento en que xa non pode saír do burato; entón, morre. Daquela é a hora do lumbrigante.” (Xosé Salvadores: Cerna. Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, 32, 3-2013)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


