Inflamación dalgunha mucosa, que produce un aumento da súa secreción e, en particular, inflamación dunha mucosa do aparato respiratorio, provocada polo arrefriamento do corpo, que comporta un aumento da secreción do moco, espirros, tose etc.
Etimoloxía
Voz derivada de “constipar” que vén do latín constipare ‘apertar’.
Exemplos *
“Estivo polo menos dous anos pensando sobre o que ía meditar. Puido seguir outros dous porque a nós non nos facía mal ningún mentres imaxinaba. Nin a el tampouco, non sendo algunha pulmonía e bastantes constipados que colleu por pasar as noites pensando no que pensar, sen acordarse sequera de poñer unha chaqueta por riba do lombo. É o que ten meditar.” (Suso Lista: Charamuscas, 2017)
“Frei Esteban non podía evitar os esbirros que lle facían moquear e lle impedían saborear de forma conveniente os deliciosos manxares que fornecían a mesa. Inés ofreceulle riseira un prato de sopa fumegante para espantar o constipado, no que deixou caer con disimulo unha boa dose do sal que levaba agochado na manga. O prior agradeceullo cun aceno benevolente.” (Natalia Carou: O alento nas costas, 2012)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.