corticeira

Árbore da familia das cupulíferas (Quercus suber), de folla perenne co bordo espiñento, tronco curto e madeira dura, á que se lle tira a casca, chamada cortiza, que se emprega para diversos usos industriais

Etimoloxía

Denominación que se crea por sufixación sobre a base “cortiza”, procedente de corticiu que vén de cortex de significado semellante.

Exemplos *

“A ausencia na taxación das árbores, maioritariamente corticeiras, e unha falta de previsión legal de preservalas, levou a moitos propietarios a unha espiral de cortas sen sentido, co cal, case todos, nin daban nin recibían árbores. Preferían facer leña.” (Martiño Nercellas: Faro de Vigo, 22-4-2016)

“Casar de Cima, aquí está a corticeira de Viana, dá pouca cortiza, cada planta ten que ser onde Deus mandou e puxo alí as cousas, que el que é sabio, que o sabía todo, puxo cada cousa onde lle correspondía, para producir, e aquí se coñece que non lle corresponde.” (Emilio Araúxo: Tempos serodios, 1996)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.