Conxunto de puntadas que unen unha peza de tea con outra ou dúas partes da mesma peza.
Etimoloxía
Considérase que vén da forma do latín vulgar *consutura –ae, derivado de consuere ‘coser’.
Exemplos *
“A tía baixou as escaleiras amodo, sobre todo porque o vestido de Cleopatra quedáballe algo xusto de máis e tiña que ter coidado para non romper as costuras.” (Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas)
“A manta está chea de sangue, dun sangue moi mesto que deixa, entre as brancas costuras do tecido, as sinaturas secretas deses heraldos da morte que galopan na peste, na fame e na guerras.” (Ramón Loureiro: O corazón portugués)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.