Claridade leve que se dá pouco antes de raiar o Sol ao alborexar e tamén pouco despois do solpor antes de ser noite
Etimoloxía
Vocábulo que nos chega directamente do latín crepusculum que tiña un significado análogo ao actual.
Exemplos *
“Entón ela senta a carón da fiestra, nas horas dun crepúsculo salferido e branco, de cantos de paxaros e da promesa dunha noite fermosa e recendente, coas estrelas escintilando no alto.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)
“Logo de dous días de moito cabalgar, os animais están derreados. En contraste coa friaxe que acompaña o crepúsculo, a calor dos seus corpos cansos elévase transformada en vapor suorento cando o mozo afrouxa as cinchas e lles retira do lombo as selas de montar.” (Manuel Portas: Lourenço, xograr, 2017)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.