croqueta

Porción de masa de forma ovada elaborada con carne, peixe etc., picados e ligados con leite e fariña, que se reboza en ovo e pan relado, e se frite

Etimoloxía

Prato de orixe francesa croquette e do que se tomou o nome prestado adaptándoo á nosa lingua.

Exemplos *

“Para entreter a fame que comezaba a sentir, deixou que a mente se enchese co recendo dos seus pratos favoritos: Pasta con atún e tomate, tortilla de patacas con chourizo, uns ovos fritidos acompañados de croquetas, arroz á cubana, un bisté con ensalada, unha boa sopa de cocido...” (Elena Gallego Abad: Dragal III. A fraternidade do dragón, 2012)

“Caldas entregou na policía municipal as queixas recibidas durante o programa. Logo baixou camiñando ata o Elixio e, deixando o teléfono á vista sobre a barra, pediu un viño branco. Co segundo, Carlos ofreceulle unhas croquetas de xamón.” (Domingo Villar: A praia dos afogados, 2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.