cucaña

Xogo, diversión que consiste en acadar o premio da cucaña // Pau longo untado dunha substancia esvaradía, que se coloca en posición vertical ou horizontal, cun premio no extremo para o que consegue chegar ata alí

Etimoloxía

Voz tomada do italiano cuccagna.

Exemplos *

“Cholo Carreiro avantaba suorento pola cucaña horizontal que se alongaba desde a orela do Belelle. Alongábase coma un mastro impensable, coma un pau louco, coma un asunto esvaradío, untado de graxa xabonosa. Cholo Carreiro navegaba por ela con xesto concentrado e ollada fixa no xamón que penduraba no remate.” (Vicente Araguas: Xuvia-Neda, 2010)

“Despois da aurora tememos que se nos viñese encima un temporal pero non foi tal inmediatamente, de xeito que puido prepararse a festa do San Xosé, pero nin misa puido haber polo cariz do día, mouro, chuviñento e frío. Non mellorou ata o vinte e dous, que foi cando houbo cucañas e cantares celebrando o santo dos moitos Pepes que veñen a bordo.” (Bernardo Máiz: Nautilus 1892-94, 1994)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.