curuxa

Ave rapaz nocturna (Tyto alba), duns trinta e cinco centímetros de lonxitude e un metro de envergadura, de cabeza larga e redonda, ollos grandes e plumas cor parda dourada, branca e cinsenta, que se alimenta fundamentalmente de pequenos mamíferos.

Etimoloxía

O máis probable é que se trate dunha voz de orixe onomatopeica por imitación do son das aves nocturnas.

Exemplos *

"O grallar dunha curuxa soou cunha veciñanza imposible." (Antón Riveiro Coello: Homónima)

"Sentín a curuxa, e levei un susto que me arrepiou." (Xosé Miranda: Historia dun paraugas azul)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.