danzarín, -ina

Persoa que practica a danza de forma máis ou menos profesional

Etimoloxía

Palabra derivada sobre o verbo “danzar” que nos remite ao francés danser e este ao antigo dancier, de orixe xermana, ‘moverse’.

Exemplos *

“Á esquerda, fronte aos músicos, un grupo de danzarinas, cos cabelos soltos e vestidas con saias de cores moi vivas, manteñen os seus brazos en xerra, coas mans apreixando os cadrís, os corpos oscilando a un lado e a outro, entre a insinuación e o desafío, prestas para bailar non ben comecen a soar os primeiros compases.” (Manuel Portas: Lourenço, xograr, 2017)

“Karel presenciaba aquelas danzas á luz dos fachos, íase dicindo, e daquela ficou engaiolado coa danzarina que arrandeaba diante súa, unha fermosa tahitiana, alcumada Taravao, que viña sendo a filla máis pequena do cacique da aldea.” (Xabier López López)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.