datileira

Palmeira propia de África e do Próximo Oriente, que pode alcanzar ata vinte metros de altura e que dá como froito os dátiles.

Etimoloxía

Esta palabra fórmase mediante o sufixo –eira, que indica 'árbore froiteira', aplicado ao substantivo dátil que procede do latín dactylus, –i 'dátil', que viña do grego dáktulos 'dedo', forma á que recorda o froito.

Exemplos *

"Despois camiñaron ao abeiro dunha rexión de palmeiras datileiras, afastándose do carreiros que conducían ata os poboados erguidos na ladeiras das serras" (Xerardo AgraFoxo: O violinista de Malá Strana)

"A orixe das palmeiras datileiras de Elxe remóntase ós fenicios e cartaxineses que incluían os seus froitos na alimentación diaria." (O Correo Galego 01-12-2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.