debuxante

Persoa que fai debuxos, en particular, aquela que debuxa por profesión

Etimoloxía

Substantivación do participio presente do verbo “debuxar” que procede do francés antigo deboissier de significado semellante.

Exemplos *

“O Pastrana estaba casado cunha rapaza chea de engado, Magdalena (Mimí) Lozano, pequena, morena, intelixente e de sensibilidade exquisita, debuxante e pintora, coa que tiña unha filla, Paloma, daquela moi noviña. Ao remate da guerra marcharán a Chile.” (Lois Tobío: As décadas de T.L., 1994)

“A idea que tiña eu de Castelao é que era un debuxante que estaba exiliado polas súas inclinacións republicanas, o mesmo que Ramón Fernández Mato. Fíxate se era ignorante e que poucas luces tiña !” (Xosé M. Del Caño: Conversas con Manuel María, 1990)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.