Planta silvestre da familia das escrofulariáceas, de talo ergueito, follas basais e inflorescencia de ata trinta centímetros de alto con numerosas flores con forma de alferga, corola de cor púrpura ou rosada e interior branco punteado de vermello
Etimoloxía
Palabra creada sobre estoutra “dedal” que remite ao latín digitalem ‘propio do dedo’.
Exemplos *
“A Chiva tentaba matar a pouquidade da vila machucando e mesturando toda clase de follas e sementes no morteiro. Saía a recoller plantas e dedaleiras polos camiños; estaba sempre sentada, dobrada sobre un talliño.” (Antonio Piñeiro: As fiandeiras, 2011)
“Seguirían a bordear os camiños os fiúnchos, as dedaleiras, os chuchameles, as silveiras cargadas de amoras? (...).'Prepárate para as sorpresas, dicíase, nada será como era nin como pensas.” (Xoán Fuentes Castro: O pescador de cana, 2006)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


