depósito

Contrato polo que un cliente deposita unha cantidade de diñeiro nunha entidade bancaria, que dispón libremente dos cartos e se compromete a restituílos nas condicións pactadas.

Etimoloxía

Procede do latín depositum –i ‘lugar onde se pon algo’, derivado do verbo deponere e este de ponere ‘poñer’.

Exemplos *

“… dos 36 millóns de euros, un 10% procedían de ingresos financeiros, o que significa que investían na Bolsa ou en depósitos a longo prazo.” (María Obelleiro: A Nosa Terra 29-03-2007)

“Deteriórase a calidade dos activos, aumenta a morosidade, baixan de xeito significativo as marxes, diminúe a actividade e agroman riscos de liquidez e problemas para a captación de novos depósitos …” (Ramón Yáñez Braxe: Tempos Novos 09-2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.