Parte dunha peza de vestir ou de calquera outro uso que ten as puntadas soltas
Etimoloxía
Voz que se forma desde o verbo “descoser” e este sobre “coser” que vén do latín consuĕre ‘idear’, ‘confeccionar’, ‘reparar’ e ‘coser’.
Exemplos *
“Beba quedou, deste xeito, ó servicio da familia. Era noviña e, contra tódolos agoiros, criou moi ben. Era branca, ás veces saíanlle, entre o descosido do ombreiro, as costas brancas.” (Margarita Ledo Andión: Trasalba ou Violeta e o militar morto, 1985)
“El servíase da lingua rella, adestrada en diversos mesteres (o máis arduo consistía en pasar as follas dos libros ou revistas pousados no atril, cando non había ninguén para virar as páxinas da partitura), e fochicaba agresivo no ollal cor moradura, esgazado pola parte superior, tal que se quixese agrandar o descosido.” (Bieito Iglesias: Contos da Baiuca, 2006)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


