Sentimento que se ten cando se sabe que algo non é como se esperaba ou cría
Etimoloxía
Palabra creada co engadido do prefixo “des-” ao vocábulo “engano” que nos leva a “enganar” do latín vulgar *ingannare ‘burlarse’.
Exemplos *
“O frade dende aquel desengano (luar laranxa, falseiro luar do maxinado xardín dos violoncellos) fuxira para terra de pardomonte de Castela. Fortalecera o ánimo na ximnástica da penitencia e toda a paisaxe acompasaba seus degaros.” (Ramón Otero Pedrayo: Devalar, 1935) [edición de 1992]
“Non era, desde logo, o desengano do seu primeiro amor o lume que alimentaba ese xordo rancor cara ao home que camiñaba tras o féretro, o seu antigo amigo da alma Emilio Pardo.” (Manuel Gago: O exército de fume, 2018)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


