Sensación de pracer e satisfacción total que se ten cando un está completamente a gusto
Etimoloxía
Termo que vén do latín dicta 'cousas ditas', plural neutro de dictum, co sentido de fatum 'sorte', 'destino'.
Exemplos *
“−Concederíame a dita de compartir comigo este baile, miña señora? −dixo, solícito, mentres a súa man agardaba xa pola miña.” (David Conde: Hai santos que non queren ir ao ceo. Parte I: de cans e lobos, 2016)
“Simeón, co respirar entrecortado, estricando as súas mans coma gadoupas secas de dedos longos, ávidos, nerviosos, pide o favor e a dita de que lle deixen ter o cativo de Belén un pouco, e María e Xosé, despois de intercambiar olladas cos fillos do Filósofo e cos celotes, concédenllo.” (Bernardino Graña: Protoevanxeo do neto de Herodes, 2006)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.