Planta silvestre da familia das escrofulariáceas, de talo ergueito, follas basais e inflorescencia de ata trinta centímetros de alto con numerosas flores con forma de dedal, corola de cor púrpura ou rosada e interior branco con puntos vermellos.
Etimoloxía
Termo que procede directamente do latín digitalis ‘referente ou semellante aos dedos’. Nome científico da planta é digitalis purpera.
Exemplos *
“No profundo da font'escondida / medraban con libertade / antr'as sílva-las violas, / antr'o buxo as dixitales.” (Rosalía de Castro: Follas Novas, 1880)
“Abeluria é un dos nomes da planta Digitalis purpurea, ademais de dedaleira, dixital, estalote, milicroque, sanxoán, seoane, baloco... Tradicionalmente supúxose que esta planta escorrentaba as meigas e os trasnos.” (Paulino Novo Folgueira: Os insultos en galego. Estudo lingüístico, 2013)
Imaxes tiradas d'O Herbario de Rosalía’ (Fundación Rosalía de Castro, 2022)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.