Peixe da familia dos espáridos de corpo alto e estreito, cor azulada no dorso e prateada nos flancos, cunha pinta negra na parte superior do opérculo e unha franxa dourada na parte superior dos ollos
Etimoloxía
Termo produto da substantivación do participio “dourado”, procedente do verbo “dourar” que vén do latín deaurāre que significaba “cubrir de ouro”.
Exemplos *
“Os peixes do día, de baixura, deben estar tesos e brillantes como as sardiñas ou os xurelos, e todo ese peixe de escama dura que vén aos poucos como as robalizas, os sargos, os dentóns, os muxos da pedra, as douradas sempre boas para o forno se pasan do medio quilo, ou as maragotas, as bicudas, os serráns, as doncelas e todas esas familias de cores.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)
“Os peixes están nos buratos, covas ou gretas porque viven nelas e os seus arredores ou están ocasionalmente por defensa ou reprodución. Exemplo dos primeiros é o pinto e dos segundos a dourada.” (Xoán Carlos Rodríguez Sánchez e Xesús León Guillén: Pesca submarina en Galicia, 1997)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.