dromedario

Mamífero da familia dos camélidos semellante ao camelo, pero menos robusto e cunha soa xiba, que se utiliza como animal de carga e montura nos desertos de África e de Arabia

Etimoloxía

Voz que tomamos do latín tardío dromedarĭus, e este acode ao grego [kámēlos] dromás 'dromedario'; que significaba '[camelo] corredor'.

Exemplos *

“Recuperada da precipitada fuxida dende Ouarzazate, aproveitaron a escuridade da noite para saír do arboredo ao lombo dun dromedario.” (Xerardo AgraFoxo: O violinista de Malá Strana, 2008)

“A caravana avanzaba paseniño. Conforme se achegaba, podían observar con mellor nitidez os xinetes montados nos seus dromedarios. As súas túnicas cor índigo tapaban completamente os corpos e uns turbantes esbrancuxados cubrían toda a cabeza.” (Xosé Carlos Fernández Caínzos: Os espidos pés do destino, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.