Árbore da familia das ebenáceas propia de zonas tropicais e da que existen numerosas especies que se caracterizan por ter o tronco groso, copa ancha, froitos en forma de baga e madeira de cor negra, moi dura e resistente
Etimoloxía
Denominación procedente do latín ebĕnus, e este do grego ébenos, voz de orixe nubia.
Exemplos *
“O feito máis curioso foi que o propio cadaleito de ébano quedou tan pechado sobre si mesmo, que aínda que probamos todos os da casa non o demos aberto de novo, e alí quedou ela por fin, comesta polo raso e a madeira negra.” (Emma Pedreira: Bestiario de silencios, 2001)
“Denantes de se deitar, foi rastrexar o armario en busca dos obxectos máis prezados cos que sorprender de mañá á súa sombra: a monteira, unha pedra con aparencias de ouro, unha navalla con incrustacións de marfil e prata que o avó trouxera de Taramundi, unha pipa tallada en ébano que usou non para fumar, senón para dotar a súa faciana dun sopro inquisidor na súa fase de detective.” (Antón Riveiro Coello: Airadas de palabras / O nome do espello, 1998)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.