ecoloxismo

Movemento que defende a conservación da natureza, buscando un mellor equilibrio entre o home e o medio natural

Etimoloxía

Vocábulo formado sobre a palabra “ecoloxía” que é un préstamo do francés écologie e que remite aos formantes eco- proveniente do grego oikós ‘casa’, e a –loxía tamén de orixe grega –logía ‘estudo’ ou ‘ciencia’.

Exemplos *

“"Temos Raíces!" nace como un proxecto de procura das orixes do ecoloxismo galego que deron como froito estes 20 anos de loita.” (Anxo Moure, Tino Quintela e Camilo Ojeda: Cerna. Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, 1-2010)

“Temos un modelo que ataca a vida, que debe ser sostida polas mulleres. E polo tanto ecoloxismo e feminismo teñen por diante un camiño conxunto, moi sinérxico.” (Marcos Pérez Pena [ entrevista a Yayo Herrero] : Praza Pública, 5-11-2018)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.