Relación de igualdade que se dá entre dúas cantidades ou expresións alxébricas nas que hai un ou máis elementos descoñecidos que reciben o nome de incógnitas
Etimoloxía
Voz que bebe da latina aequatio, -ōnis que significaba ‘igualdade’ ou ‘ecuación’.
Exemplos *
“E non son tan iluso como para pensar que pola falta dunha persoa fose deixar de xirar o mundo; quizais o fixese de xeito máis lento, máis recto, pero o cambio na Davis acabará por chegar. Que Judith desaparecera da ecuación só suporá gañar algo de tempo.” (María Oruña: O que a marea esconde, 2021)
“Unha parte da ciencia alegou pandemia global, a outra alertou dunha fuga radioactiva. Convocaron os máis sobresaíntes expertos na materia para resolver a ecuación. Desempoaron estudos de impacto ambiental e elaboraron plans de continxencia.” (Iolanda Zúñiga: Natura, 2018)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.