Conxunto de exemplares dunha obra editados dunha vez
Etimoloxía
Termo que procede do latín editio, -ōnis, que á súa vez deriva edĕre 'facer saír', 'parir', 'publicar'.
Exemplos *
“A primeira edición de O que a marea esconde acabouse de imprentar en Mundo, Cambre, o 10 de xuño do 2021, cento cinco anos despois de que Rasputin, (...) degustase a súa cea final: Á sobremesa papou con delicia os seus doces favoritos, condimentados con abundante cianuro.” (María Oruña: O que a marea esconde [apéndice], 2021)
“Cumpríanse cen anos da primeira edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, título no que institucionalizamos o principio do Rexurdimento, e a Real Academia Galega, (...), acordou esa data para conmemorar anualmente a presenza da nosa lingua e da nosa literatura.” (Víctor F. Freixanes: Sermos Galiza, 9-5-2019)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


