emparedado

Bocadillo elaborado con dúas rebandas de pan, xeralmente pan de molde, entre as que se mete friame ou outro alimento

Etimoloxía

A palabra é froito da substantivación do participio do verbo “emparedar” que toma coma base “parede” que bebe do latín pariĕtis de significado semellante.

Exemplos *

“Sobre unha mesa, ordenadamente dispostas, había varias fontes ateigadas de froita fresca, emparedados, pan acabado de cocer, unha tortilla de patacas e mesmo unha cafeteira fumarenta que alagaba toda a estancia dun embriagador aroma a café.” (Manel Loureiro: Apocalipse Z. Os días escuros, 2014)

“Despois disto, os convidados déronme as costas e atacaron a mesa dos emparedados coma se levasen un millón de anos sen comer. Cando acabaron cos emparedados, empezaron cos pasteis de merengue.” (Manuel Darriba: Brais e os demais, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.