empregador, -a

Persoa física ou xurídica que contrata o traballador de forma remunerada para a prestación dun traballo

Etimoloxía

Voz derivada que ten como base o verbo “empregar” que procede do francés antigo empleiier, e este lévanos ao latín implicāre 'enlear'.

Exemplos *

“Estes homes indonesios din estar satisfeitos e tranquilos co seu traballo (...). E así e todo, mentres falan, un deles, desacougado pola posibilidade de que a conversa con xornalistas poida supoñer un conflito co seu empregador, chámao.” (Paula Regueira Leal: Luzes, nº 16, 5-2014)

“Sabemos que Marcos non pagaba a súa manutención, senón que o facía o seu empregador e mestre. Daquela, agradeceríalle enormemente que me fornecese a información que lle solicito.” (Tomás González Ahola: Da fría e distante estrela polar, 2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.