encarnado, -a

Que é da cor do sangue, da papoula etc.

Etimoloxía

Vocábulo que ten a súa orixe no latín tardío incarnatus, -a, -um, que era o participio pasado do verbo incarnare ‘converterse en forma corporal’.

Exemplos *

“O home púxose moi encarnado e comezou a sobar o elegante reloxo que levaba no seu pulso esquerdo.” (María Oruña: O que a marea esconde, 2021)

“Eu tiña un amigo, xa morreu, que estaba alí o día que levantaron o cadáver de Juana Capdevielle nunha cuneta de Rábade. E digo na novela que alí quedou unha mancha de pintura encarnada para sempre.” (Erik Dobaño [entrevista]: Sermos Galicia, 8-2-2018)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.