encerado

Cadro, de diferentes materiais, que se usa normalmente nas escolas para escribir ou debuxar.

Etimoloxía

Orixinouse a partir do verbo encerar, creado sobre cera, voz que chegou ao latín desde o grego.

Exemplos *

"… castigábaa de xeonllos cos brazos en cruz mirando para a táboa de multiplicar escrita no encerado, a ver se a aprendía, e as bágoas non lle deixaban ler nin ver nin oír máis que risas e burlas…" (Francisco A. Vidal: Os pecados capitais)

"Logo, o profesor deu en retroceder, ata quedar coas costas pegadas ó encerado, ó tempo que miraba para un punto situado diante del, con expresión totalmente aterrorizada." (Agustín Fernández Paz: Avenida do parque, 17)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.