Inxestión dunha cantidade moi abundante de comida ou bebida / Efecto producido por comer e beber en exceso
Etimoloxía
Termo derivado sobre o verbo “encher” que procede do latín implere ‘encher’, ‘saturar’ ou ‘engordar’.
Exemplos *
“O primeiro que fixo o inspector foi meterse unha boa enchedela de raxo nunha tasca á entrada da vila cun deses nomes dos que non é doado que o recordo subsista.” (Xosé Manuel García López: Pegadas nun labirinto baleiro, 2011)
“Ó rematar das clases, acercábase a muller deica a Rúa do Vilar, cedendo á irresistible tentación de lle ir facer unha «rápida» visita ás gaimolas de La Mora e disposta a darse unha enchedela cos exquisitos peperetes que alí fan.” (Anxo A. Rei Ballesteros: Loaira, 1992)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.