enroque

Acción e efecto de enrocar; mover o rei dúas casas cara á torre e poñer esta do outro lado e a carón do rei, o que só é posible a condición de que ningunha destas dúas pezas fose aínda movida, de que as casas que as separan estean libres e de que no movemento, o rei non quede exposto a xaque

Etimoloxía

Voz que se crea sobre o termo roque que significa ‘torre do xadrez’ procedente do árabe ruhh cun significado análogo, pero que se remitía a unha significación antiga ‘carro de guerra’.

Exemplos *

“Xabier non contesta. Pensa en movementos coas negras, en facer un enroque rápido, ou mellor agardar o trote do cabalo das brancas e logo xa pensaremos, reloxo, aínda non hai xaque.” (Manuel Seixas: A velocidade do frío, 1996)

“En consecuencia co plan iniciado hai dous movementos, as brancas pretenden abrir unha fenda no enroque das negras, única xogada perante a ameaza latente.” (Elías Xosé González: Sermos Galiza, 22-6-2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.