entoación

Maneira de entoar / Movemento melódico da voz segundo o sentido, a intención, a emoción, ou o acento con que se fala

Etimoloxía

Termo derivado que, en última instancia, remite á voz “ton” que procede do latín tonus, e este bebe no grego tónos, 'tensión'.

Exemplos *

“A fada nutríao con palabras. Mandaba a Victus retirarse uns pasos, achegaba os seus beizos ao nobelo e recitaba unha longa xaculatoria de sons e entoacións moi distintos aos que o ferreiro coñecía.” (Manuel Janeiro: A fada das lapas, 2008)

“As palabras, as frases... daquela lingua estraña que os naturais chaman o galego −polo que logo o meu amigo me foi aclarando−, que eu escoitara en Fisterra, no porto e na goleta, saían agora da súa boca cunha entoación doce e melodiosa, cunha tenrura queixumenta.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.