érbedo

Arbusto da familia das ericáceas, de folla sempre verde, que pode chegar aos cinco metros de altura, florece polo inverno e dá un froito doce e redondo de ata tres centímetros, vermello por fóra e amarelo por dentro

Etimoloxía

Denominación que procede do latín vulgar *erbitum, de significado semellante.

Exemplos *

“Paseniñamente, o monte de Coruxo foi recuperando as estacións perdidas: as cores do outono, os cheiros da primavera, os cantos das aves... Á plantación de miles de castiñeiros, cerdeiras, bidueiros ou pradairos sucederíalle a de érbedos, acivros, capudres ou sobreiras.” (Rubén Blanco e Afonso S. Rodríguez: Cerna. Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, 2-2018)

“O érbedo do Pazo de Mariñán é sen dúbida un dos de maiores dimensións de Galicia, pois a súa altura, superior ós 10 m, non é habitual entre os érbedos galegos.” (Antonio Rigueiro Rodríguez: Árbores senlleiras de Galicia, 2015)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.