ervella

Planta herbácea rubideira da familia das leguminosas, de follas paripinnadas, flores brancas en acios e froito en casula, que contén sementes comestibles, arredondadas e de cor verde.

Etimoloxía

Vocábulo que deriva do latino ervilia que designaba ‘lentellas’.

Exemplos *

“(...) tiña que me sacudir esas ideas de morte da cabeza, que lles facía falta a miña axuda na casa, que aínda que non traballase moito sempre podía botar unha man debullando millo ou ervellas, axudando na cociña ou recollendo froita das maceiras da horta.” (Xavier Queipo: O ladrón de esperma/ Tío Filipe (Conto terrible onde se relata bifocalmente a memoria dun suicidio familiar), 2001)

“Cunqueiro recolle moitas receitas de pombiños: guisados con ervellas e patacas novas, en maio e por San Xoán; en saborosas empanadas e pastelóns.” (Fausto Galdo: Abecedario das mantenzas, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.